Baiona reclama máis recursos para a loita contra a violencia machista

O CEIP de Fontes acolleu hoxe o acto institucional, organizado pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Abriu o acto High PawI e O Rabelo, para dar paso a Yasmina Moreira Costas, concelleira de Igualdade, que resaltou na súa intervención “a importancia de non ser cómplices ante as violencias machistas, e da gravidade dos 70 feminicidios que se cometeron este ano, solicitamos máis recursos económicos dirixidos á loita contra a violencia e protección das vítimas da violencia machista”.

O alumnado de 5º e 6º de Primaria interpretou para todas as persoas asistentes a canción “Bolboretas polo ceo”. Déronse a coñecer os gañadores do concurso de debuxo do alumnado do centro, organizado pola ANPA, no marco do proxecto “A igualdade, un mar de oportunidades”, que se articulou en torno á figura de Águeda González Portela.

Para rematar o acto descubriuse a placa dedicada á veciña Águeda onde se pode ler un poema que ela escribiu cando estudaba no centro educativo de Fontes.