Miguel Ángel Fernández, o mellor esprinter Elite, renova co Vigo-Rías Baixas

O equipo que esta tempada adxudicouse a Clasificación Elite española seguirá contando en 2022 co mellor esprinter da categoría. Miguel Ángel Fernández aceptou a oferta de renovación do Vigo-Rías Baixas e vestido co equipamento flúor volverá ser o velocista a bater nas chegadas masivas. O corredor cántabro achegou esta campaña un terzo das vitorias logradas pola entidade presidida por José Luis Chamorro.

Segundo clasificado no Clasificación Elite Individual de 2021, este ciclista de 24 anos e con experiencia no campo profesional asinou seis triunfos no seu primeiro ano no conxunto olívico. Fernández impuxo a súa potencia no Gran Premio Villa de Mojados, nunha etapa da Volta a Zamora, no Gran Premio Concello de Zamora, na Volta Comarca Brigantina, nunha etapa da Volta a Estremadura e na Noctuna do Porriño.

“Foi un bo ano”, valora o pupilo de Marcos Serrano. Aínda que o cántabro lembra que “nos custou conseguir a primeira vitoria”, unha vez que abriu a lata a finais de maio resultou imparable nas “volatas”. Do seu exitoso regreso ao pelotón Elite-Sub23 tamén destaca o nivel que se atopou: “A xente vai moito máis rápido na categoría que fai dous ou tres anos. É unha barbaridade, igual sacabamos 2 km/h máis de media que outras tempadas”.

Ambición renovada

Tras unhas semanas de descanso, Fernández xa iniciou a súa posta a punto para 2022 coa intención de “empezar a lume de biqueira. Tratarei de conseguir unha vitoria cedo para que a miña motivación e a do equipo vaian a máis. Unha vez que consegues o primeiro triunfo corres máis tranquilo e os resultados chegan máis fácil”.

Un dos retos que se marca é continuar evolucionado como ciclista e non limitar as súas opcións de triunfo aos esprints. “Gustaríame estar adiante en carreiras máis duras”, sinala o “killer” do Vigo-Rías Baixas, que pon como exemplo da súa ambición unha proba tan esixente como a Aiztondo Klasika e outras citas do calendario da Copa de España.

Coa continuidade de Fernández o Vigo-Rías Baixas empeza a desvelar a confección do seu persoal para o seu novo proxecto. Na que será a súa décima tempada na categoría manterá a base do grupo que lle levou a conquistar a Clasificación Elite por equipos e, ademais, a dirección do club atou varias incorporacións que reforzarán o bloque flúor.