Arte pola Igualdade no CEIP de Belesar

Con motivo do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o CEIP Plurilingüe Belesar inaugurará a súa “Galería da Igualdade”, unha exposición de arte na que se poderán contemplar recreacións de obras de tres famosas pintoras galegas, Maruja Mallo, Vanessa Lodeiro e Rosa Guisán, elaboradas polo alumnado do centro, e o mural pintado polo graffiteiro local Miguel A. Cajaraville, “Hon3y”, con varios galardóns ás súas costas, realizado no marco dun proxecto da Anpa en pro da Igualdade.

O proxecto “Campos de Igualdade”, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, desenvolveuse en colaboración coa dirección e o profesorado do centro e do CIM de Baiona, entre o 22 e o 31 de outubro no CEIP Belesar, e tiña como obxectivo a promoción da igualdade e a eliminación dos estereotipos de xénero, tanto nas aulas como no resto dos ámbitos laborais, sociais, etc, apoiado en artes plásticas e visuais como o cinema e o muralismo.

Mentres se pintaba o mural, que os nenos e nenas viron evolucionar en directo, María Pérez, de Galicia Walks, experta en formación en xénero e políticas de igualdade, impartía un obradoiro dedicado aos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria, e a cineasta e documentarista viguesa Xisela Franco amosaba, ao alumnado primeiro e ás familias despois, proxeccións das súas obras e explicando como foi xurdindo nela a necesidade de abordar a temática feminista.

Mañá 25 de novembro, as familias poderán desfrutar presencialmente, con horarios reducidos pola situación sanitaria, e tamén a través das redes sociais do centro, tanto a Galería da Igualdade como o Mural que preside xa o patio como recordatorio de Igualdade para toda a comunidade educativa do CEIP Belesar.