Gondomar integra e suma ás novas xeracións na loita contra a violencia machista

O alumnado de 4º da ESO do IES Terra Turonio protagonizou esta martes unha das actividades organizadas pola Concellaría de Igualade do Concello de Gondomar dentro do programa elaborado con motivo da celebración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o próximo día 25 N. A través dunha representación teatral enfrontáronse a preguntas que os e as situaban ante a violencia machista.

A actriz e autora, Mónica Sueiro, representou a súa peza “Des-Alento”, unha acción escénica que aborda os malos tratos psicolóxicos, orixe en moitas ocasións de casos que finalizarán no maltrato físico. A obra transista entre o ámbito metafórico e simbólico para finalizar compartindo coas mozas e mozos unha vivencia de violencia do pasado persoal, vivida pola propia actriz.

A representación, financiada con fondos do Ministerio de Igualade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, busca implicar ás novas xeracións na identificación dos distintos tipos de violencia que existen ao seu redor, facendo fincapé no control psicolóxico que se exerce, en máis ocasións das que pensan, sobre as mulleres.

“Son o noso futuro, e deles e delas depende que esta loita que iniciamos chegue á meta correcta: á erradicación da violencia contra as mulleres e a consecución dunha igualdade real na nosa sociedade”, apuntou o rexedor Paco Ferreira, quen felicitou á actriz pola súa acción escénica.

A representación de “Des-Alento”, que tamén representarase para o alumnado do outro IES do municipio, súmase a outras iniciativas que xa están en marcha, como a adhesión dos comercios á campaña “En negro contra a violencia”, a edición de calendarios con “mulleres galegas que abriron camiño en ámbitos vetados para as mulleres”, ou a celebración do Consello Municipal da Muller.

O acto central, o próximo 25 de novembro, celebrarase ás 12:00 horas na Praza Paradela, cunha concentración, lectura de manifesto e un minuto de silencio polas mulleres asasinadas este ano a mans das súas parellas e ex parellas.