Sin categoría

CB Nigrán: 46 balóns para non esquecer 46 nomes

O Club Baloncesto Nigrán quere render un ano máis a súa especial homenaxe ás vítimas da violencia machista con motivo do Día contra a Violencia de Xénero cun novo vídeo no que colaboraron personalidades destacadas de diferentes ámbitos como a atleta olímpica Ana Peleteiro, o campión do mundo de surf adaptado Aitor Francesena “Gallo”, os actores Sergio Pazos e Alfonso Agra, as actrices Uxía Blanco e Nerea Barros, a alpinista Chus Lago ou a escritora Fina Casalderrey. Xunto a eles os claustros dos centros educativos de Nigrán ademais dos propios xogadores e xogadoras do club.

Todos eles aparecen no vídeo portando unha pelota de baloncesto, un balón por cada muller así como por cada un dos 6 nenos e nenas asasinados neste 2021, un total de 46 balóns que ao final do vídeo compoñen un gran lazo na pista do pavillón co que o club deportivo nigranés quere honrar a memoria das vítimas e mostrar a súa repulsa cara á violencia de xénero.

Esta iniciativa forma parte do traballo social que realizan desde o club, onde consideran un aspecto fundamental traballar valores a través do deporte. Nuria Gómez, a súa presidenta, quere dar as grazas a todas as persoas que participaron nesta iniciativa pola súa entrega, “porque sabemos que para erradicar esta secuela social a educación é fundamental. Todos participamos sentindo que estamos a contribuír na loita contra a violencia machista”.