O contacontos “O ratiño presumido” fomenta a igualdade nos centros escolares de Baiona

Os centros de Educación Primaria de Baiona acolleron o contacontos teatral “O ratiño presumido” a cargo da compañía Trinketrinke teatro, para fomentar a igualdade de xénero. A representación tivo lugar onte no CEIP de Belesar e no CEP de Sabarís e hoxe no CEIP Fontes e no CPI Cova Terreña. Organizada pola Concellería de Igualdade no marco do programa “Novembro Lila”, é subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través da Liña 2 do Plan Concellos 2021.

Como é habitual nos contos tradicionais, tamén o conto de “A ratiña presumida” fomenta os estereotipos de xénero e as ideas sexistas. Nesta actividade dramatizouse o conto de “O ratiño presumido” dándolle a volta ao conto clásico para amosar a un ratiño (o Rato Fuco) que desfruta cantando e limpando a súa casa e para visibilizar a unhas mulleres empoderadas, que non teñen ningún problema en tomar a iniciativa e propoñer elas o matrimonio ao ratiño.

O obxectivo principal do espectáculo foi fomentar valores de igualdade entre nenas e nenos a través das vidas dos personaxes, da trama do guión e os contos escollidos, buscando sempre o equilibrio entre o lúdico e o pedagóxico.