Gondomar logra 3 flores de honra no certame “Vilas en Flor”

O Concello de Gondomar suma unha flor máis e achégase á máxima distinción tras recoñecer o xurado do certame “Vilas en Flor” que “na vila está a traballarse e potenciando as súas zonas verdes, enfocadas ao esparexemento dos concidadáns e á humanización de diversas zonas do concello”. Gondomar estivo representado polo concelleiro de Medio Ambiente, Brais Misa, quen foi o responsable de recoller o galardón que recoñece ao municipio con 3 flores de honra pola súa acción decidida por mellorar a contorna e protexer os espazos verdes e naturais.

Destaca o xurado na acta “as boas actuacións executadas na entrada do núcleo urbano, o deseño dun gran paseo fluvial incorporando zonas verdes entre as edificacións, e , o desenvolvemento de novos espazos lúdicos para a realización de actividades de recreo”. Pola súa banda o alcalde, Paco Ferreira, mostrouse moi satisfeito ante o recoñecemento porque “pon en valor o traballo que moitas persoas realizan para que Gondomar sexa unha vila máis amable e respectuosa co medio ambiente e, unha localidade, pensada para e polas persoas, un obxectivo no que seguiremos traballando desde o goberno local”.

O acto de entrega dos galardóns celebrouse na mañá deste mércores na localidade de Allariz e estivo presidido pola alcaldesa do municipio, Cristina Cid, e a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, que estiveron acompañadas, entre outros, polo coordinador do programa “Vilas en Flor”, Pedro Calaza, membros do xurado e representantes dos 30 municipios participantes na edición deste ano.

O certame, organizado pola Fundación Juan de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinaría, márcase como obxectivo promover a mellora ambiental social e económica dos concellos participantes, así como dinamizar o sector do paisaxismo e ornamentación como selo de calidade e reclamo turístico.