255 bebés prematuros naceron o pasado ano na Área Sanitaria de Vigo

Baixo o lema “Mans que coidan” o equipo de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conmemorou hoxe o Día Internacional do Prematuro. Neste contexto organizouse unha xornada de Portas abertas, cunha serie de actividades divulgativas e lúdicas dirixidas a antigos nenos e nenas prematuros e aos seus pais e nais, así como aos proxenitores dos recén nados que neste momento están ingresados na Unidade.

As charlas divulgativas foron impartidas polas enfermeiras de Neonatoloxía Olaya Álvarez e Josefa Orozco, que falaron do Parto prematuro e evolución dos Coidados; e pola pedagoga psicomotricista Gladis Lorenzo, cun relatorio sobre a atención temperá. Pola súa banda, os representantes da Asociación de Nais e Pais de Prematuros AGAPREM, entregaron o “Patuco de honra” a Ángeles Expósito, TCAE da Unidade, para agradecerlle o seu traballo e dedicación. Posteriormente, realizouse unha vista á Unidade de Neonatoloxía que foi decorada para a ocasión.

Segundo explica a xefa do servizo de Pediatría, Ana Concheiro, “ este ano cobra especial significación para nós, xa que o día de hoxe coincide coa xubilación da supervisora Begoña Pérez Costas, que leva máis de 40 anos traballando como enfermeira nesta Unidade e que é unha enfermeira vocacional, tremendamente orgullosa da súa profesión, con enormes valores humanos, e coa que foi moi gratificante traballar en equipo”.

40 bebés de menos de 1,5 quilogramos

O pasado ano naceron na Área Sanitaria de Vigo 255 bebés prematuros, o que representa un 7,6% do total de nacementos. Esta porcentaxe mantense case constante nos últimos anos. Destes, 40 bebés pesaron menos de 1.5 quilogramos e 46 foron menores de 32 semanas, os chamados “grandes prematuros”. Para lograr a súa supervivencia e adecuado desenvolvemento cerebral desenvolvénse algunhas estratexias terapéuticas como a lactancia materna ou a presencia e implicación dos proxenitores nos seus coidados durante a súa estadía hospitalaria. Durante a pandemia, a Unidade de Neonatoloxía apostou polo mantemento destas estratexias e da calidade dos coidados, e os profesionais tiveron que realizar un gran esforzo, reforzando todas as medidas de protección para evitar riscos e ofrecer a máxima seguridade aos bebés.

2.000 litros de leite

Cómpre subliñar que o banco de leite, que garante aos bebés a alimentación 100% con leite humana, foi un dos poucos bancos de España que rexistrou un incremento das súas doazóns durante o pasado ano, garantindo que todo aquel neno que o necesitase tivese leite dispoñible. Así, desde a súa apertura hai 5 anos, leva recibidos un total de 2.000 litros de leite materno.