Nigrán continúa co seu programa de turismo social cunha excursión de maiores e comida-baile en Redondela

O Concello de Nigrán continúa co seu programa de turismo social destinado á veciñanza da terceira idade cunha excursión o mércores 24 de novembro a Redondela con comida-baile. O custe é de 20 € e cubre transporte, xantar e visitas guiadas. A inscrición realizarase unicamente este xoves 18 de novembro no Pavillón Municipal de Panxón (cada solicitante pode anotar só a un acompañante e debe levar senllos DNI). As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición, así como as reservas dos asentos.

A excursión, con saída ás 10:00 horas en autobús dende a Casa do Concello, inclúe, se o tempo o permite, visita guiada ao casco vello de Redondela e exposición sobre a “Coca” no Multiusos (mítico dragón que centra as festas do Corpus), ruta á fervenza de Feixa e visita ao centro de interpretación “Meirande” sobre a batalla de Rande e o seu patrimonio cultural. A comida, no restaurante Casas, inclúe baile posterior e o menú consta de lagostinos, vieiras, pescada, codillo, sobremesa, café, pan, bebidas e brindis con sidra.

O goberno local de Nigrán entende que viaxar para as persoas maiores despois da inactividade do Covid-19 é especialmente importante. “Non só serve para descubrir lugares novos, senón que aporta moitísimos beneficios especialmente útiles para eles, como a mellora do ánimo, aumento da creatividade, mellora da capacidade de resolver problemas, estimulación da actividade cerebral e reconstituínte da memoria e da atención”.

Nese sentido, o alcalde de Nigrán, Juan González, deixa clara a súa aposta por este programa, “porque a todos estes beneficios hai que engadir que se socializarán e, en definitiva, faraos sentir máis felices e vitais”.