O gondomareño Ricardo Buba logra dúas novas vitorias na Copa Galicia de Ciclocrós do Rosal e A Guarda

FOTO: LUZ IGLESIAS // Ricardo Buba en A Guarda.

A Copa Galicia de Ciclocrós alcanzou o seu ecuador este sábado nunha das clásicas do calendario autonómico. O Trofeo Montes de Eiras celebrou a súa 23ª edición e tivo como un dos triunfadores a un ciclista que a pasada fin de semana debutou coa selección española no Campionato de Europa. O gondomareño Ricardo Buba (Coruxo) impúxose na carreira júnior da cita organizada polo Club Ciclista O Rosal.

No espazo cedido pola Comunidade de Montes das Eiras estreouse circuíto. Un trazado moi duro, deseñado nun piñeiral, onde resultaba complicado que avanzara a bicicleta pola composición do terreo. A esixencia aínda tería sido maior se estivese enlamado, pero o tempo anticiclónico aliouse cos participantes e concedeulles unha xornada soleada.

A fin de semana seguinte de terse estreado na provincia neerlandesa de Drenthe coa selección española, o corredor do Coruxo e líder júnior da Copa asinou o seu sétimo triunfo no certame galego cun tempo de 35 minutos e 15 segundos. Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas) cruzou a meta en segunda posición a 8’’ do gondomareño, e pechando o podio, Hugo Martínez (Avanza-Porriño), terceiro.

O díptico que concentrou a actividade da Copa Galicia durante esta fin de semana na comarca pontevedresa do Baixo Miño pechouse co Ciclocross Concello da Guarda. Da man do Club Ciclista In Situ estreouse este domingo no calendario autonómico un evento que na súa primeira edición estivo marcada pola emoción. A maioría das carreiras resolvéronse por diferenzas mínimas.

Menos de 24 horas despois de impoñerse no Rosal, o líder júnior rubricou na Guarda outra fin de semana perfecta. Ricardo Buba repetiu vitoria nun circuíto que pouco tivo que ver co do día anterior. Os ciclistas atopáronse na oitava xornada da Copa un espectacular labirinto que esixía a máxima concentración para non cometer erros.

Nese trazado tan revirado, o ponteareán do Supermercados Froiz adxudicouse a carreira elite-sub23 cun tempo de 57 minutos e 41 segundos, superando en 17” ao segundo clasificado, e gañador elite, o vigués Samuel González (Máis Que Bicis). A liña de meta cruzouna en terceira posición o nigranés Anxo Carril (Coruxo), a 32” do vencedor absoluto.

Aínda máis axustado resultou o desenlace da proba júnior. Os tres primeiros remataron nunha marxe de 5”. Ricardo Buba sumou a oitava vitoria á súa conta de triunfos desta campaña cun rexistro de 33:53 e 2” de vantaxe sobre Hugo Martínez (Avanza-Porriño). Iván Fernández (Vigo-Rías Baixas) fíxose coa terceira praza neste duelo a tres bandas.

A Copa Galicia regresará o vindeiro sábado en Sanxenxo co II Ciclocross Con da Raíña.