Gondomar pon en marcha a II edición de “Gondoilusión”

Por segundo ano consecutivo o Concello de Gondomar pon en marcha “Gondoilusión, ningún neno e nena sen agasallo” coa que “pretendemos que esta volta tan lenta á normalidade á que nos obrigou a covid19 teña as menores repercusións posibles para aqueles que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade social e económica”, afirma a concelleira de Benestar Social, Nuria Lameiro.

A campaña, promovida pola Concellería de Benestar Social, en colaboración coa Asociación de Mulleres Rurais San Bieito, ten como obxectivo garantir que este Nadal Papa Noel e as súas Maxestades os Reis Magos cheguen a todas as casas, especialmente ás de familias máis vulnerables ás que vai dirixida esta iniciativa.

Como na primeira edición os interesados/as en achegar o seu grao de area poderán facer a súa achega económica dende hoxe ata o próximo día 13 de decembro na conta bancaria ABANCA ES53 2080 5035 0230 4000 9345, coa referencia “Gondoilusión”, “doando o que cada un ou unha boamente poida, 1, 3, 5, 10 euros… todo suma”.

Unha segunda opción será facer o donativo nas urnas habilitadas con este fin en diferentes establecementos colaboradores coa campaña como son Estanco Gondomar, a bocatería A Galiña, a cafetería Mon, o café-bar Tropic, e, o bar-restaurante Terra, cebada e uva.

O diñeiro recadado ao final da campaña farase chegar en forma de vales ás familias que, previamente, serían designadas desde o departamento de Benestar Social tendo en conta a súa situación económica. Poderán trocalo en establecementos de Gondomar que se sumaron a esta iniciativa e que facilitarán que se poidan mercar agasallos para menores de 16 anos.

Para máis información dirixirse ao teléfono 986384473 ou ao correo educadorafamiliar@concellodegondomar.gal.