
O Concello de Nigrán reiterará a través do grupo parlamentario socialista as mesmas emendas aos orzamentos da Xunta de 2022 que no 2021: reparación do emisario submariño que perde auga depurada a 200 metros de Praia América (200.000 €), mellora nas instalacións da ETAP de Condomínguez (400.000 €) e renovación das beiravías da PO-552 en Priegue (300.000 €) e A Ramallosa (500.000 €), todas elas cuestións de competencia autonómica que urxe atender e que suman 1,4 millóns de euros.
“Seguimos insistindo nestes investimentos porque son todos competencias da Xunta, pero polo que veñen demostrando nestes anos, Nigrán non é a súa prioridade, o que supón unha discriminación para o municipio e os seus veciños”, sinala o alcalde, Juan González.
O Concello de Nigrán xa comunicara á Xunta a avaría do emisario submariño da EDAR a inicios de 2019 urxindo o seu arranxo e reclamando despois sen éxito que se consignase unha partida de 207.500 euros nos seguintes. A mesma cuestión se expuxo nos seguintes. Esa petición de 2019 estaba acompañada dun informe exhaustivo encargado desde o consistorio despois de recibir diversos avisos de mariñeiros alertando dunha gran burbulla de auga na zona. Así, mediante inmersión submarina corroborouse que existe unha avaría nunha peza que parece ser unha unión de ferro entre dous tramos de polietileno de 400 milímetros. Este material correspóndese co tramo de emisario instalado en 2007 pola Xunta e por esa fenda parece que sae a totalidade do caudal que circula pola condución.
Precisamente, e tamén unido ao saneamento e abastecemento no municipio, o goberno local reitera a súa emenda para que a Xunta invista en obras de mellora na ETAP de Condomínguez por valor de 400.000 €, principalmente nos forxados e cuberta ademais de na estrutura, necesidade urxente que se reflicte nun informe técnico independente ao detectarse fisuras e desprendementos. “Os veciños con cada factura de abastecemento pagan un canon á Xunta que é precisamente para reverter nestas melloras”, incide o alcalde.
Finalmente, e tamén por segundo ano consecutivo, o goberno local reitera a necesidade de dotar de novas beirarrúas á PO-552 ao seu paso por Priegue e A Ramallosa, ao atoparse en moi mal estado tras máis de 30 anos de construción das mesmas e sen ser reparadas. O goberno local estima o investimento en 300.000 e 500.000 € respectivamente.