Seguir a senda triunfal, obxectivo de Alberto Meira na última cita da tempada

O Rallye Ribeira – Ría de Arousa marca o punto e final á tempada do Campionato Galego de Rallyes, onde o obxectivo do equipo AMF Motorsport será o de continuar o refacho tras a vitoria obtida no Rallye San Froilán para terminar a campaña cun sabor moi doce.

A bordo do Škoda Fabia R5 que continuará descubrindo, Alberto Meira regresará co seu habitual navegante, José Murado, á dereita. Cun rallye case totalmente novo para todos (tan só unha parte dunha das especiais disputouse hai máis dunha década no Rali de Noia), a loita será moi pechada polo triunfo absoluto, nunha proba que ademais será clave para ver quen leva o subcampionato galego. Para iso, o piloto de Vincios debe gañar a proba e que o seu principal rival non pase da oitava praza.

Ademais, neste Rallye Ribeira – Ría de Arousa regresarase a un formato que non se realizaba desde hai practicamente unha década, con dobre etapa o sábado e domingo para completar un rutómetro con 77 quilómetros contra o crono divididos en oito especiais, tras a anulación do tramo máis curto por motivos ambientais.

O equipo AMF Motorsport espera culminar a tempada 2021 cun novo éxito que dea moitas esperanzas para un bo campionato en 2022.