A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor chama a participar na manifestación do 14 de novembro

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val MIñor, que participa activamente na Manifestación para o día 14 de novembro en Santiago de Compostela convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública, co lema “Salvemos a Atención Primaria e o sistema sanitario público”, en risco de desmantelamento pola política de recortes de recursos e privatización.

A causa de todo iso é a situación da Atención Primaria en Galicia sometida a recortes de recursos orzamentarios e humanos desde hai anos, o peche de centros periféricos, as barreiras de acceso á atención, a hexemonía da consulta telefónica en detrimento de a presencial, as listas de espera de días e semanas, as colas nas portas dos centros, a precarización das condicións laborais do persoal (sometido a unha situación de inestabilidade e sobre -demanda sen substitucións por ausencias ou baixas laborais que se multiplicaron durante a pandemia). A promoción, prevención, rehabilitación, atención á cronicidade, asistencia a persoas maiores en residencias, a formación e a investigación son imposibles neste degradado marco.

“A Atención Primaria non só é a porta de entrada senón que é o eixo sobre o que descansa todo o Sistema Sanitario Público. O seu desmantelamento abriría o proceso de privatización da sanidade pública, que tanto anhela a actual administración de Feijóo. As dificultades para acceder á asistencia está favorecendo o crecemento do sector privado (que oferta seguros de baixa calidade que non cobren as necesidades asistenciais de quen os contrata) e a saturación dos servizos de urxencias”, apuntan desde a Plataforma.

Despois dunha ampla campaña informativa, con reparto de panfletos, charlas, concentracións e mocións nos Concellos, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Val Miñor, quere invitar á poboación a acudir masivamente á Manifestación que comezará ás 12:00 da mañá na Alameda de Santiago de Compostela.

A plataforma conformada por organizacións sociais, sindicatos, partidos políticos, ademais de persoas a título individual, pon a disposición da veciñanza autobuses gratuítos dende os tres Concellos, previa inscrición nos números: Nigrán 660083984, Gondomar 629866335, Baiona 609801138.