A alumna Inés Rey Torres de Baiona, premio extraordinario de ESO ao rendemento académico

Inés Rey, con cazadora branca, coa súa familia.

A alumna Inés Rey Torres, que rematou a súa formación obrigatoria no CPI de Cova Terreña, vén de ser un dos vinte alumnos e alumnas de toda Galicia recoñecidos e recoñecidas co premio extraordinario de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico. “Este premio vén a confirmar o que xa sabíamos dela: que é unha alumna extraordinaria e mellor persoa, sempre axudando aos seus compañeiros e compañeiras de xeito desinteresado”, destaca Isabel Martínez Cabaleiro, directora do centro.

“É un orgullo para o profesorado ter participado na súa formación durante os trece anos que estivo escolarizada no noso centro, desde Educación Infantil ata 4º de ESO, 13 cursos académicos. O seu traballo e esforzo tamén foi merecedor da distinción de matrícula de honra ao rematar os seus estudos no centro. Finalmente, queremos dar tamén os parabéns aos seus responsables, Antonio Rey e Mª José Torres, ambos os dous profesores de Lingua Castelá e Literatura no noso centro, por ter inculcado nas súas fillas o gusto e o pracer polo estudo”, conclúe Martínez Cabaleiro.

Actualmente cursa 1º de Bacharelato no IES Primeiro de Marzo.