Iria Misa presenta o seu libro “A Cidade do Átomo” dentro da programación “Novembro Lila”

A escritora baionesa Iria Misa presenta o seu libro “A Cidade do Átomo” o vindeiro venres 12 de novembro no Multiusos Mercado de Sabarís ás 19:30 horas. O evento está aberto a toda a veciñanza até completar aforo. Esta actividade forma parte da ampla programación de actividades deseñadas pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, o “Novembro Lila”, un programa deseñado para sensibilizar, formar e dar visibilidade á problemática da violencia machista coincidindo co 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

“A Cidade do Átomo” logrou o recoñecemento do IV Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade en novembro de 2020, con todo a crise sanitaria e os tempos da editorial demoraron a súa posta de longo ata o mes de setembro e en outubro Iria Misa acudiu a Vilalba, municipio que convoca o certame xunto a Edicións Xerais, para recoller o galardón en persoa. A escritora baionesa quixo esperar ata esta data para facer a presentación oficial do seu traballo e formar parte da programación do “Novembro Lila”.