A Deputación recibe ao Club Ciclista Rías Baixas, campión na clasificación elite española

O Club Ciclista Rías Baixas está de parabéns tras proclamarse primeiro na clasificación elite española e quixo celebralo da man da Deputación de Pontevedra. O deputado de deportes, Gorka Gómez, trasladou as felicitacións da presidenta provincial polas 18 vitorias conseguidas para acadar este “éxito tan grande para o ciclismo galego” que converteu ao club no “mellor club de España na categoría elite grazas ao traballo de todo un equipo”. Neste senso, Gorka Gómez subliñou a “durísima preparación” desta tempada marcada polas restricións sanitarias, que en moitas ocasións impediron que os ciclistas levaran a cabo os seus adestramentos con normalidade.

O deputado provincial fixo fincapé na dureza desta disciplina e cualificouna como “un exemplo a nivel de valores para os máis cativos” no que moitas veces o “esforzo, sacrificio e dureza da súa práctica non ten o recoñecemento que se merece”. Tamén falou dos éxitos que están a acadar as e os deportistas da provincia de Pontevedra, o que fala “do bo momento do deporte da provincia froito da colaboración das institucións públicas e privadas”. A estas últimas agradeceulles o esforzo que realizan e que “fai posible que o obxectivo de ter mellores deportistas que acaden éxitos tan importantes”.

José Luis Chamorro, presidente do club, amosou o seu orgullo e felicidade por “un ano moi especial no que lograron éxitos que nunca lograra un equipo galego”. Do mesmo xeito, agradeceu á institución provincial, e especialmente a Carmela Silva, o apoio recibido nos últimos seis anos “fundamental para o noso crecemento” poñendo aceno na nominativa que o club recibe por tratarse dun equipo de elite e que este ano é de 35.000 euros. Por outra banda, Chamorro aproveitou a ocasión para poñer sobre a mesa a idea de contar cun equipo profesional “e poder levalo con esta dignidade e profesionalidade” incluso con ciclistas que integran actualmente o club xa que este “está totalmente preparado para correr nunha categoría superior”.