A “voz” de Baiona apágase para sempre

Na madrugada deste luns faleceu aos 71 anos de idade José Joaquín Costas Miniño. A primeira ollada o seu nome non di moito, pero se nos referimos a el como Pepe Costas, a cousa cambia, e é que este baionés de nacemento e de corazón era unha das almas vivas da comarca do Val Miñor.

Desde moi novo sentiuse atraído pola música, as festas e os actos sociais. Na década dos 60 foi o precursor dos famosos guateques que se celebraban no municipio todas as fins de semana en horario de tarde, nos 70 traballou como picadiscos na discoteca “Eva” de Praia América, nos oitenta fichou pola coñecida sala de festas “Novecento” de Gondomar e ao pouco tempo pasou a formar parte da discoteca “Interprais” de Baiona, onde estivo como DJ residente durante máis dunha década e foi aquí onde se gañou o pseudónimo de DJ Pepe Prais.

Combinaba estes traballos co de correspondente informativo. Pasou por Radio Popular, Cadena 100, Onda Cero Val Miñor, Vía Radio, Atlántico Diario, ValmiñorTV, TeleVigo ou Galivisión. Tras deixar o mundo das discotecas dedicouse xunto a un compañeiro a amenizar festas privadas e vodas. Co paso do tempo foi cambiando os traballos nocturnos polo diúrnos pero sen deixar de lado unha intensísima vida social que lle serviu para gañarse uns “galóns” dignos de admiración, e chegou a ser practicamente coñecido por todos.

Pepe Costas estaba presente en multitude de eventos celebrados en Baiona, participando activamente como “speaker”. Atrevíase con todo, desde actividades deportivas de calquera índole, actos sociais ou festas populares. Era a “voz” habitual da Cabalgata de Reis, o Entroido, as Cucañas Marítimas, a Regata de Gamelas ou a Carreira Popular “Andar e Correr”, ademais de presentar multitude de concertos e actuacións. Durante o verán, ofrecía tamén visitas guiadas polos recunchos da vila a grupos de turistas.

No 2018, o Concello de Gondomar recoñeceu a súa traxectoria como un dos principais precursores da marcha miñorana, entregado da man do alcalde, Paco Ferreira, durante un tributo dedicado á sala “Novecento”. Desde o Concello de Baiona tamén quixeron ter un recoñecemento especial a distintas persoas a nivel individual e colectivo polo seu labor de fomento do deporte municipal, entre eles Pepe Costas, nunha gala que se celebrou o pasado mes de outubro.

Os seus restos mortais sairán este martes, día 9 de novembro, ás 16:00 horas desde a Sala 3 do Tanatorio do Miñor en Sabarís dirección á Igrexa Parroquial de Santa María de Baiona, onde se celebrarán os funerais ás 16:15 horas. A continuación terá lugar o enterro no cemiterio municipal.