Gondomar recibe a Melchor, Gaspar e Baltasar

Gondomar recibiu este martes ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente que, a pesar das circunstancias que estamos a vivir, non quixeron deixar de pasar polo municipio e participar nunha cabalgata algo diferente pero igual de especial que a doutros anos: unha cabalgata estática na que foron os pequenos os que, seguindo un camiño marcado, achegáronse ata eles para saudalos e recibir os seus caramelos.

A cabalgata arrancou coa recepción oficial de Gaspar, Melchor e Baltasar no Concello de Gondomar por parte do alcalde, Paco Ferreira, e integrantes do seu equipo de goberno. Posteriormente saíron ao balcón da Casa Consistorial para saudar aos pequenos e pequenas, e ás familias alí reunidas. Unha vez nos seus tronos, dispostos no interior da carpa da Praza Paradela, recibiron á cativada, que puido pasar ante eles e saudalos, e lembrarlles que agasallos esperan baixo a árbore.

Un dispositivo de máis dunha vintena de persoas, entre efectivos de Protección Civil, Garda Civil, Policía Local e voluntarios, vixiou o correcto desenvolvemento do evento, que tivo como punto de partida a esquina da Avenida Elduayen coa Praza Paradela en sentido descendente. Todo o percorrido estivo valado e no chan marcáronse con tiras de espera as distancias de seguridade que debían manterse. Tras saudar aos Reis, a carpa abandonouse polo lado contrario da entrada dirección ao palco de música.

Para a ocasión dispuxéronse de 150 quilos de caramelos que se repartiron en bolsas individuais e pechadas aos nenos e nenas que mentres esperaban a súa quenda puideron gozar dos seres máxicos que compuxeron este ano a cabalgata como son a Raíña da Neve, un Oso Polar ou fadas, así como divertirse cos simpáticos trasgos e as súas bromas.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.