Baiona logra unha subvención de 3 millóns de euros para a recuperación e modernización do sector turístico

O Concello de Baiona vén de conseguir preto de 4 millóns de euros para a realización dos proxectos presentados a diferentes subvencións. Dos fondos acadados polo goberno local, máis de 800.000€ proceden do Plan ReacPon promovido pola Deputación de Pontevedra. Asemade, os diversos proxectos propostos pola administración local no marco do “Plan de Recuperación y Resilencia”, orientado á recuperación e modernización do sector turístico, conseguen chamar a atención do Goberno Central, que apoiará estas iniciativas cunha contía de 3.000.000€, o que supón unha das maiores subvencións concedidas na historia da vila.

O Alcalde, Carlos Gómez, agradece ao Goberno Central polas xestións realizadas para que Concellos con menos de 20.000 habitantes poidan optar ás subvencións europeas, e engade que “despois dunha dura etapa na que os esforzos e os recursos económicos tiveron como protagonista a pandemia sanitaria, é o momento de poñer en marcha os nosos compromisos electorais, e estas subvencións son a proba de que tanto a Deputación de Pontevedra como o Estado apostan polo proxecto de futuro que propuxemos dende o Partido Socialista de Baiona”.