Nigrán destinará 60.000 € a axudas para as seis comunidades de augas do municipio

O Concello de Nigrán mantén a súa aposta por preservar as traídas de augas veciñais destinando 60.000 € do remanente para colaborar coas seis entidades que existen no municipio (dúas en Chandebrito e catro en Camos, a primeira parroquia sen nada de abastecemento público e a segunda con só unha parte). Estas achegas, que se realizarán mediante a firma dun convenio, son posibles tras consignarse no pasado pleno os cartos cos únicos votos a favor do grupo socialista. As axudas súmanse aos máis de 80.000 € que o ano pasado achegou a este fin o Concello a través da empresa concesionaria Aqualia. O obxectivo é que as seis comunidades poidan rematar as obras que teñen pendentes ben para acadar a súa regularización, ou ben para mellorar o subministro.

“Eses 10.000 € que daremos a cada entidade son para que cada unha os empregue na infraestrutura que precise. As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a súa continuidade e tamén a seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias”, explica o alcalde, Juan González.

Considerando que as novas regulacións sanitarias ou o fin de concesións obrigan á maioría das comunidades da localidade a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello iniciou no 2020 a través de Aqualia a súa colaboración coas traídas de A Rotea e Piñeiros (Camos) e Lapela e Pracíns (Chandebrito). Entre as melloras realizadas entón figuran desde a renovación dos colectores a instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo como realizar memorias de legalización.

“As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

“Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; consideramos que agora o Concello debe colaborar con elas, xa que chegan onde non hai abastecemento público”, insiste o alcalde, quen incide en que esta aposta pola súa continuidade “non está rifada con que se amplíe, nun futuro, a rede de abastecemento”.

As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades de veciños privadas. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de ‪300.000‬ veciños. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.