Interceptado un veciño de Gondomar conducindo unha furgoneta cun exceso de peso de 700 quilos

O pasado mércores ás 9:06 horas, unha Unidade do Servizo de Inspección de Transportes (SINTRA) da Policía Local de Vigo que se atopaba patrullando na confluencia das rúas Gran Vía con Avenida de Madrid, procedeu a dar o alto ao condutor dun vehículo, J.R.B, de Gondomar e 44 anos de idade, e á inspección da súa furgoneta, tras constatar que tiña un perfil moi baixo de altura, o que indicaba claramente un posible exceso de carga.

Os Axentes comprobaron que no interior do vehículo había dous palés completos de revistas e outros paquetes máis soltos. Realizaron acompañamento ata a estación de ITV de Peinador, para proceder á súa pesada, confirmando as sospeitas dos funcionarios, ao lanzar a pesada un exceso de peso de 700 quilos. Procederon á denuncia por infracción a LOTT e á inmobilización do vehículo no depósito, ata a descarga parcial da mercadoría.