O adestrador olímpico Carlos Llamas preparará á frota de J80 de Baiona para o mundial de 2023

O Monte Real Club de Yates acaba de fichar ao adestrador olímpico Carlos Llamas para preparar á súa frota de J80 de fronte ao Campionato de España e o Mundial da clase que se celebrarán en Baiona en 2022 e 2023. O preparador malagueño adestrará aos monotipos galegos nas diferentes xornadas das ligas que o club baionés celebra durante os meses de outono e inverno. Sairá á auga coas tripulacións dos 8 metros para analizar as súas manobras e ao acabar cada xornada ofreceralles un briefing destinado a mellorar as súas técnicas e tácticas de competición.

O director deportivo do Monte Real, Roy Alonso, asegura que a incorporación de Carlos Llamas supoñerá “un gran impulso para unha frota que pode dar moito que falar tanto no nacional como no mundial que o club organizará os dous próximos anos”. “Son dúas citas -di Alonso- moi importantes para o Monte Real e, aínda que queda tempo por diante, queremos empezar xa coa preparación para que a frota estea ao cento por cento”.

O andaluz Carlos Llamas destaca por adestrar a algúns dos regatistas máis destacados do panorama náutico español, como Támara Echegoyen, Fernando Echávarri, Diego Botín ou Jordi Xammar, entre outros moitos. Foi preparador olímpico en dúas ocasións (Atenas e Río) e entre os logros dos seus deportistas hai campionatos de Europa de 470, J70, 49er e Star; e medallas en mundiais de J80.

Llamas estrearase cos monotipos de Baiona esta fin de semana na terceira xornada da Liga de Outono AEDAS Homes J80, na que o Okofen de Javier de la Gándara vai líder da clasificación con 6 puntos, seguido moi de preto polo Marías de Manel Cunha (8 puntos). A terceira posición provisional é do Cansino de Alejandra Suárez, con 16 puntos.

A previsión para o día regateiro, no que hai programadas tres probas, anuncia ventos frouxos de compoñente norte nun día asollado pero fresco.