Nigrán emprende a ampliación da rede de saneamento e abastecemento da Carrasca

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras de ampliación da rede de saneamento e abastecemento da Carrasca (Parada) por un importe de ‪138.344‬,47€ e que se financia a través do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, estando previsto que rematen antes do Nadal. Trátase dun proxecto solicitado por máis dunha veintena de veciños a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca que están obrigados a verter as augas residuais por fosas sépticas e abastecerse a través de pozos particulares. A redacción do proxecto demorouse máis do previsto para poder chegar a todas as vivendas e ao precisar as obras de múltiples autorizacións sectoriais.

“Trátase dunha petición expresa dos veciños deste barrio a través do Centro Cultural Bolos da Carrasca e que é posible grazas á colaboración de todos eles, xa que o proxecto pasa por espazos públicos e propiedades privadas e así evita bombeos. Con esta obra non só dotaremos de auga e saneamento a esta zona senón que evitaremos as fosas sépticas nun espazo polo que discorren múltiples regatos evitando así un dano medio ambiental importante”, sinala o alcalde, Juan González.

A tubaxe que se está a instalar permite conectarse cun tramo da rede existente e que actualmente non ten servizo. As obras inclúen apertura de zanxas, colocación de tubaxes, execución de arquetas de conexión e instalación de válvulas, recheo e reposición de pavimento. O número de pozos é de 29 e os colectores permitirán recoller as verteduras de 20 vivendas.

Este investimento vén a completar o realizado no 2019 que permitiu ampliar o abastecemento mediante a instalación dunha nova condución que conecta a rede existente no parque empresarial Porto do Molle, a través dun bombeo, cun novo depósito de regulación de 500 m3 que foi situado no monte Eiró, e desde onde se dá servizo ás vivendas da zona. Por outra banda, liquidouse o problema da falta de presión na zona da Carrasca onde estaba instalada a tubaxe de impulsión e de distribución desde hai anos pero sen estar operativa debido a esta cuestión.