Baiona realiza obras de mellora no Camiño do Costal en Belesar

O Concello de Baiona realiza obras de mellora de asfaltado e do firme no Camiño do Costal en Belesar, unha vía que comunica o municipio co de Gondomar. Trátase duns traballos necesarios para dar solución aos problemas que presenta a estrada e mellorar así a seguridade para a circulación de vehículos.

“Unha petición moi demandada desde hai anos polos veciños e veciñas da zona, xa que o paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas e o tráfico rodado foron deteriorando o firme e a súa capacidade portante, dando lugar a gretas, perdas de pavimento e formación de fochas. Era necesario acometer estas obras e frear así a deterioración que vén sufrindo durante anos o viario e ao que os anteriores gobernos non puxeron solución”, destaca o Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez.

Os traballos, que xa están en marcha, responden a un compromiso asumido polo Alcalde, Carlos Gómez, e o concelleiro, nunha das súas visitas pola parroquia de Belesar. O obxectivo principal é minimizar os problemas existentes na entrada do camiño, co fin de facilitar aos veciños e veciñas o acceso ás súas vivendas e leiras agrícolas. Tamén mellorar a conexión co municipio veciño de Gondomar xa que este camiño actúa de ligazón entre as dúas localidades miñoranas.

A actuación comezou coa limpeza do pavimento mediante un cepillo de arame e das cunetas coa roza da vexetación existente. Unha vez finalizada esta parte procedeuse a asfaltar o camiño cunha capa de 5 centímetros para regularizar a capa de rodadura, “o que supón unha evidente mellora no firme” segundo indica o Alcalde, Carlos Gómez, quen sinala que “con estes traballos mellorarase a seguridade viaria da zona”. “Unha intervención necesaria que tamén ten como finalidade facilitar a accesibilidade e a mobilidade, e dar resposta ás demandas veciñais”, engadindo que “esta obra súmase a tantas outras que o noso goberno está a realizar nas parroquias, co fin de mellorar as condicións das mesmas”.