A Deputación aproba unha subvención para a escola da Agrupación Musical de Vincios

A Deputación de Pontevedra revalida a súa aposta pola cultura coa concesión de achegas a 24 escolas de música da provincia que dependen de asociacións sen ánimo de lucro. As subvencións, que teñen un orzamento de 80.000 euros, están destinadas a entidades de 16 concellos da provincia e oscilan entre os 2.100 euros e 4.200 euros “dependendo do número de persoas que estean estudando nelas”, informou a presidenta Carmela Silva. No que respecta ao Val Miñor, a administración provincial aprobou unha axuda para a Agrupación Musical de Vincios (Gondomar).

Con estas achegas a Deputación democratiza o acceso a estes centros xa que “vivas onde vivas tes que ter dereito a ter unha escola de música onde formarte” e, neste senso, fai que “a formación musical chegue a todos os recunchos, dende as grandes vilas e cidades -que teñen orzamentos que permiten subvencionalas- ata os concellos máis pequenos”. Carmela Silva fixo fincapé na necesidade deste tipo de educación “que constrúe sociedades máis avanzadas porque a cultura e música permítennos ás persoas formarnos dunha forma máis integral”.