O CEIP Fontes-Baíña promove a igualdade a través das mulleres do mar de Baiona

Desde o comezo do curso, o CEIP Fontes Baíña está a traballar a igualdade e a prevención da violencia de xénero a través dun proxecto da Asociación de Nais e Pais do Alumnado centrado en tres eixes: as mulleres do mar de Baiona, a formación sobre o uso adecuado da internet e das TIC e a eliminación dos estereotipos de xénero.

A ANPA puxo en marcha o proxecto “A Igualdade: un mar de oportunidades” grazas a unha axuda económica da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e co apoio do centro educativo, o Centro de Información á Muller, o Concello de Baiona, a Confraría de Pescadores, a Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra e Obradoiros de Emprego de Galicia.

As actividades comezaron co inicio do curso 2021/2022 e rematarán o 25 de novembro coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, no que a comunidade educativa renderá unha homenaxe moi especial á ex alumna do centro, Águeda González Portela.

Xa están iniciadas varias accións: unha videorreportaxe guionizada do proxecto, investigacións para descubrir o importante papel xogado desde sempre polas mulleres na conservación dos océanos e na explotación sostible dos recursos mariños; convite ás mulleres familiares e próximas ao alumnado, en activo e xubiladas, para achegarse ás aulas a contar as súas experiencias laborais e afectivas vinculadas ao mar.

Esta semana comezou a pintura dun mural a cargo de Lula Goce. A artista baionesa visitou en setembro todas as clases para presentar a súa obra desde unha perspectiva de xénero e solicitar a axuda do alumnado para realizar o bosquexo do mural. Con todas as creacións enviadas polos nenos e nenas por correo electrónico, Lula Goce deixará no colexio a esencia da súa obra, recreando unha nena combinada con elementos naturais, neste caso seres vivos dos fondos do mar de Baiona, como concreción das temáticas traballadas no proxecto “A igualdade: un mar de oportunidades”.

Onte mércores, as clases de infantil gozaron dunha actividade lúdica e educativa para traballar a igualdade a cargo da compañía O Baúl da Tía Tola. Hoxe pola mañá, todas as clases recibiron a visita da patroa maior da Confraría de Pescadores de Baiona, Susana González, para visionar e comentar co alumnado a reportaxe audiovisual “Loita no acantilado”, que recolle o testemuño da patroa e das súas tres irmás, todas percebeiras.

En novembro, a ANPA lanzará un concurso de creación artística aberto ao alumnado, ao profesorado e ás familias sobre as temáticas do proxecto. As clases de quinto e de sexto de primaria participarán nunha charla da Garda Civil sobre o uso seguro de internet e das redes sociais, no marco do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolares.

Haberá tamén dúas citas dirixidas ás familias: o venres 12 de novembro, a Garda Civil promoverá entre as nais e pais o uso seguro e responsable das novas tecnoloxías, e o luns 15 de novembro, Dinamo Xestión de Actividades Socioculturais organizará un obradoiro relacionado coas novas masculinidades para sensibilizar e romper cos micromachismos e previr a violencia de xénero.