Cita co cinema galego esta fin de semana en Gondomar

O Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar acollerá a segunda sesión do ciclo de cinema galego incluído no programa cultural do actual trimestre no municipio e que se desenvolve coa colaboración do Cineclub Val Miñor Alice Guy.

Nesta ocasión proxectarase, a partir das 21:00 horas deste venres 29 de outubro, “Doghs”, ópera prima do director Andrés Goteira e que foi moi galardoada tras a súa estrea.

A longametraxe, que arrasou no Festival de Sitges e fíxose con 13 premios Mestre Mateo no 2018, non deixará indiferente aos/as espectadores/as que se acheguen ata o Auditorio Municipal. Na pantalla unha crónica feroz na que os seres humanos protagonistas son identificados con animais cuxas historias se entrecruzan ao longo do desenvolvemento da película.

O director recolle en “Doghs” a pegada de directores como Quentin Tarantino, David Lynch ou os irmáns Coen pero neste caso levada ao límite sen contemplacións. Para máis información: https://taquilla.concellodegondomar.gal.