A CEMMA de Nigrán organiza un simulacro de rescate de fauna mariña en Arteixo

Este vindeiro sábado, día 30 de outubro, ás 11:00 horas a CEMMA de Nigrán organiza unha actividade formativo-divulgativa sobre a asistencia á fauna mariña ameazada, tartarugas e mamíferos mariños, na praia de Sabón, en Arteixo. O punto de encontro será o aparcamento norte contra o río.

CEMMA e a Rede de Varamentos de Galicia

A CEMMA é a única entidade autorizada para a xestión da Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións e convenio coa Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 horas 686 98 90‬ 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

Actividades ambientais de divulgación da Rede de Varamentos

A actividade enmárcase dentro da divulgación sobre a Rede de Varamentos de Galicia que a CEMMA leva a cabo contando coa axuda da Deputación da Coruña para proxectos de actividades no ámbito do medio ambiente para 2021.

Simulacro de rescate

A actividade consiste en expoñer a presenza das especies obxectivo da asistencia a varamentos, as diferencias básicas entre tartarugas (réptiles) e lobos mariños e cetáceos (mamíferos), así como o que podemos ou debemos facer para poder asistir en primeira instancia a un animal varado. O público obxectivo é xenérico aínda que tamén está destinado a membros de protección civil, policía local e especialistas de medio ambiente, así como aos compoñentes dos Grupos de Voluntariado de Cobertura da CEMMA, que son os grupos locais de apoio.

As praias de Arteixo son espazos onde anualmente rexistran diversos varamentos de exemplares ao ano. O Concello de Arteixo e a Agrupación de Protección Civil local apoian a asistencia aos animais varados, en coordinación coa Unidade Móbil da CEMMA, permitindo a recollida de datos e mostras e coordinando a retirada dos exemplares.

Punto de encontro na praia de Sabón: https://goo.gl/maps/qXzDYEniwErg5NfJ8