A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo fai un chamamento de voluntarios para poder facer fronte a un maior número de Operacións Quilo nas próximas datas e, á súa vez, tratar de dar resposta a un incremento da necesidade máis próxima.
Responsables da ONG deseñaron un calendario de recollida de alimentos máis amplo do habitual, despois de comprobar como os colectivos sociais demandan un maior número de produtos básicos para as persoas con dificultades.
Desde a entidade repártense cada día unha media de 4.000 quilos de alimentos e, desde que comezou este 2017, a tendencia está a ser á alza. Para evitar o desabastecemento dos seus almacéns de Vigo (San Pedro de Sárdoma) e Pontevedra (Faustino Santalices), decidiuse desenvolver este tipo de accións solidarias nas que o labor do voluntario é fundamental.
Para converterse en voluntario do Banco de Alimentos de Vigo só hai que darse de alta a través da web (http://www.bancoalimentosvigo.org/formulario/) ou chamar polas mañás, de luns a venres, ao 986 263022 (Vigo)/986865301 (Pontevedra).
As tradicionais Operacións Quilo supoñen un gran impulso no que amoreo de alimentos de primeira necesidade de refire. O voluntario, perfectamente identificado co peto do Banco de Alimentos, desprázase ao supermercado asignado polo departamento de Voluntariado e facilita as doazóns da cidadanía que achegan o seu granito de area. Habitualmente adoitan colaborar coa ONG regalando catro horas do seu tempo nas distintas quendas organizadas.
Actividade do Banco de Alimentos de Vigo
A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu en 2016 máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015, cando foron preto de 1,7 millóns de quilos os entregados aos colectivos sociais. A través destas entidades benéficas, a ONG chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra.

