Nigrán abre o prazo de solicitude das axudas aos sectores pesqueiro, de hospedaxe e deportivo

FOTO: ANI PÉREZ // Fe Tres. Manuel e Juan halando as nasas do polbo, agosto de 2017.

O Concello de Nigrán abre ata o 23 de novembro o prazo de solicitude de axudas para paliar os efectos económicos da Covid-19 no sector pesqueiro, de hospedaxe e de rendemento deportivo da localidade mediante un cuarto plan de rescate municipal por importe de 50.000 €. O extracto da convocatoria foi publicado no BOPPO número 205 do luns, 25 de outubro, e o texto completo das bases está pendurado na web municipal. Os tres anteriores plans estiveron dirixidos á hostalaría e o taxi con 240.000 € consignados en total e, nesta ocasión, diríxese a estes outros sectores tamén gravemente prexudicados polos peches sanitarios.

“O sector do mar é o máis tradicional no municipio e viuse directamente afectado polo peche hostaleiro, e os ximnasios ou hospedarías tiveron que pechar moitos meses”, argumenta o alcalde, Juan González, en canto á elección.

Como nos anteriores, as axudas son de 1.200 € para os empresarios e inclúe 750 € para a tripulación de barcos. Deste xeito, este novo plan contempla aos mariñeiros (patróns e tripulantes), hospedaxe (hostais, pensións, hoteis, cámpings…) e deportivo (ximnasios, centros deportivos ou empresas de deportes). Igualmente, son axudas con concorrencia non competitiva, é dicir, concédense sucesivamente ata esgotarse os fondos, podendo o Concello amplialos en caso de non chegar a todas as solicitudes.

“Anteriormente centrámonos na hostalaría e no taxi por ser estes sectores especialmente prexudicados cos sucesivos peches e limitacións sanitarias, agora queremos chegar a estes outros porque tamén se viron moi afectados, gustaríanos ter resolto antes estas bases pero este tipo de trámites administrativos resultaron máis complexos do previsto”, recoñece o alcalde, Juan González, quen destaca ao sector do mar como histórico do municipio. “Non se entende Nigrán sen a súa cultura mariñeira, por iso queremos protexelo especialmente con este plan que previamente consensuamos coa Confraría”, destaca.

Así, nesta convocatoria contémplanse axudas de 1.200 € para empresarios destes tres sectores empadroados no municipio ou simplemente con negocio no municipio (inclúe patróns nigraneses de barcos con base en Nigrán ou Baiona, autónomo principal e colaborador ou empresarios integrantes dunha mesma empresa) e 750 € para tripulantes de embarcacións con base en Nigrán ou Baiona e empadroados en Nigrán (estes últimos sempre e cando non reciban axudas ou prestacións doutra administración, nos demais casos son compatibles).