Nigrán duplica as prazas do programa “Xantar na Casa”

Tal e como esixen as bases reguladores de “Xantar na Casa”, o goberno local de Nigrán presentou unha moción no pleno ordinario deste luns para poder duplicar as prazas de 10 a 20, xa que existe demanda ao respecto, sendo Nigrán o único municipio do Val Miñor onde funciona (arrancou en xaneiro). A cuestión foi aprobada coa unanimidade da corporación. Un día á semana os beneficiarios reciben no propio domicilio 7 bandexas cos menús correspondentes listos para quecer no microondas e con todas as garantías sanitarias (inclúen pan, primeiro prato, segundo e sobremesa), tendo un custe simbólico para o usuario de 1,76 € por menú (Concello e Xunta aportan o resto ata 6,60 €). Así, “Xantar na Casa” está destinado a maiores de 60 anos e tamén a dependentes ou en risco de exclusión social. En Nigrán arrancou en xaneiro de 2021 con usuarios das parroquias de Chandebrito, Panxón, Priegue, Parada e Nigrán, sendo 9 deles anciáns dependentes (dous deles matrimonios) e unha persoa discapacitada problemas de mobilidade. Agora se completará con outras dez persoas maiores.