As Rías Baixas acollen este sábado o Campionato Galego de A Dous

Máis dunha vintena de veleiros disputaranse este sábado a partir das once da mañá nas Rías Baixas Galegas unha das probas máis emocionantes e complicadas da tempada en Galicia, o Campionato Galego de A Dous – Trofeo Prima Vinia, cun percorrido de ida e volta entre Baiona e a illa de Ons.

Aínda que nun principio estaba previsto que se puxese en liza tamén o Campionato Galego de Solitarios, as dificultades para completar a proba sen tripulación de apoio, deixou deserta un ano máis a categoría de solitarios, unha regata non apta para non aventureiros, que tampouco se chegou a disputar en 2018.

A esas dificultades sumarase ademais este sábado unha meteoroloxía complicada, cun vento bastante escaso que obrigará ás tripulacións de dous regatistas a esmerarse ao máximo para completar o percorrido de 30 millas antes do tempo máximo estipulado.

Será, sen dúbida, todo un reto para os veleiros participantes, que superan a vintena a falta de que se peche a inscrición, de clubs como o Monte Real Club de Yates, o Real Club Náutico de Vigo, o Club Marítimo de Canido ou o Liceo Marítimo de Bouzas.

Na pelexa polo título veremos a algúns habituais destas probas máis aventureiras como o Clínicas Gaias de José María Peinó e Ramón Quiroga, do Real Club Náutico de Portosín; ou ás parellas formadas por Víctor Carrión e Ana Sardiña, a bordo do Bon III; e Jacobo Vecino e Brenda Maure no Salaño Dos; ambos os dous do Real Club Náutico de Vigo.

Na listaxe de patróns destacados aparecen, entre outros, o portugués Rui Ramada e o vigués Ramón Ojea, que a bordo do Swan 45 Yess Too (Monte Real Club de Yates) e o Elan 37 Bosch Service Solutions (Club Marítimo de Canido) tratarán de facerse co campionato.

Haberá tamén un importante número de J80, a maior parte deles da frota de monotipos do Monte Real Club de Yates. Así, veremos sobre a auga ao Namasté de Luis de Mira e Javier Torroja; ao Cunichán de Javier Valente e Pablo Franco; ao Luna Nueva de Juan Luis Tuero e Rogelio Torres; ao Mondo dos portugueses Bernardo Macedo e Guillerme Castelo; ou o Cansino de Fernando Yáñez e Ignacio Sánchez Otaegui; o Maija de José Luis Pérez e Miguel Larrán; ou o Pazo de Cea, patroneado nesta ocasión por Willy Camaño e tripulado por Juan Lago. Tamén participarán xotas doutros clubs como o Ay Carmela de Juan Martínez Pazó e Rafael Martínez-Almeida, que correrán polo Liceo Marítimo de Bouzas.

Se o vento axuda, a previsión é que os primeiros veleiros comecen a cruzar a liña de chegada ao redor das seis da tarde. A proba, organizada polo club baionés por delegación da Real Federación Galega de Vela, está dedicada ao que foi durante máis de 40 anos presidente do Monte Real, Don Rafael Olmedo Limeses, e poderá seguirse en computadores, tablets ou móbiles a través da web www.mrcyb.es.

Anuncios