Nigrán consigna 490.000 € para adquirir un minibús, o mosaico romano de Panxón ou habilitar un ximnasio no CEE Juan María

O goberno local de Nigrán aprobou en solitario no pleno ordinario deste luns unha modificación de crédito por importe de 490.000 € para destinar cartos procedentes do Remanente á compra do anunciado minibús eléctrico (320.000 €), á repatriación do mosaico romano de Panxón (40.000 €) ou á creación dun ximnasio no CEE Juan María (€), entre outras cousas.

“Temos a posibilidade de empregar o Remanente e o Concello de Nigrán, afortunadamente, ten unhas contas saneadas e uns aforros que non se tocaron durante moitos anos e que agora podemos empregar en beneficio da veciñanza”, incidiu o alcalde, Juan González, ao respecto.

Así, o goberno local aprobou nesta modificación consignar 40.000 € para a rehabilitación dun ximnasio no Centro de Educación Especial Juan María, onde despois de recibir por parte da Xunta 18.000 € para a adquisición de maquinaria deportiva, estaban a realizar un crowfunding para poder dispor dun espazo deportivo específico (actualmente as máquinas, xa en uso, están dispersas por todo o centro).

Igualmente, e como xa anunciara o goberno local, consignáronse 320.000 € para a adquisición dun minibús eléctrico que permita establecer unha liña circular no municipio, 40.000 para repatriar o mosaico romano de Panxón á venda nunha galería de EEUU e, nunha moción específica, 50.967 € como achega de Nigrán ao convenio do Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia, aspecto no que o PP si votou a favor.

SOS Sanidade Pública

Novamente, o goberno de Nigrán aprobou en solitario no pleno unha moción presentada a través da plataforma SOS Sanidade Pública e que defendeu o seu voceiro, Jesús Araujo Nores. Ao igual que hai xa un ano, alertouse á Xunta da necesidade de reforzar a Atención Primaria e de cambiar o antes posible o actual sistema de consulta telefónica por xa 100% presencial. Segundo datos da plataforma, o deterioro do sistema público está repercutindo nun empeoramento dos datos de saúde poboacional. Por todo elo, o Concello de Nigrán apoia a manifestación do 14 de novembro ás 12:00 horas en Santiago. A oposición do PP abstívose nesta cuestión.