No CEIP de Belesar dende o 22 ata o 31 de outubro estase a levar a cabo un proxecto titulado “Campos de Igualdade”. Dirixido á comunidade educativa, alumnado, familias e profesorado, ten como obxectivo a promoción da igualdade e a eliminación de estereotipos de xénero. Para logralo apóiase en dúas ferramentas eminentemente visuais como son o cinema e o muralismo.
A primeira actividade do proxecto realizouse o pasado venres 22 de outubro cun obradoiro para os alumnos de cuarto a sexto de primaria. Foi impartido por María Pérez Giráldez, experta en formación en xénero e políticas de igualdade. Nel tratáronse de forma amena temas relacionados coa igualdade e a prevención da violencia de xénero.
O próximo mércores 27 de outubro a cineasta e documentalista viguesa Xisela Franco impartirá no centro, para alumnos e familias, unha charla onde fará un repaso da súa carreira como cineasta con proxeccións das súas obras e contará como foi xurdindo para ela a necesidade de incluír a temática feminista no seu discurso artístico.
Por último, toda esta actividade divulgadora estará acompañada pola creación dun gran mural, no patio interior do colexio. O artista local Miguel Cajaraville estará traballando no mural en directo para o alumnado, de forma que se vaia creando un vínculo entre a obra e os nenos. O mural pretende ser un reflexo dunha sociedade igualitaria e onde os estereotipos non teñan cabida.
Como reforzo durante a primeira semana de novembro o profesorado do colexio desenvolverá diferentes obradoiros nas aulas, para que os nenos poidan seguir traballando a perspectiva de xénero a igualdade ou a socialización diferenciada de forma axeitada á súa idade.
Este proxecto financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi impulsado pola ANPA do centro en colaboración co propio centro e o CIM de Baiona.

