Sin categoría

Proxectan unha planta de residuos industriais en A Ramallosa

A Asociación de Veciños “A Unión” de San Pedro da Ramallosa tivo coñecemento, de casualidade, dun proxecto dunha planta de residuos industriais na parroquia nigranesa de San Pedro, ao ver o seu informe de impacto ambiental na páxina web da Xunta. “En xullo do ano 2020, en plena pandemia, o proxecto foi sometido a consultas das administracións públicas afectadas, entre as que se atopa o Concello de Nigrán e as persoas interesadas, sen embargo ninguén informou a esta asociación deste proxecto”.

“Segundo este informe está proxectada unha instalación para o almacenamento e valorización de residuos industriais, entre os que se atopan residuos de procesos e tratamentos químicos, de tratamentos de petróleo e carbón, da construción e de terra escavada de zonas contaminadas. A instalación vai consistir nunha nave de 1000 metros cadrados, con, entre outra maquinaria, unha machacadora dos residuos”, apuntan desde o colectivo.

A Asociación de Veciños “A Unión” de San Pedro considera que este tipo de instalación xera contaminación polo tipo de residuos que almacenen e tratan, polas partículas que se van a emitir á atmosfera, que contaminan acuíferos, o río Muíños, e zonas próximas, incluídas as habitadas. Ademais, estas zonas vanse ver afectadas pola contaminación acústica producida pola machacadora.

“O emprazamento desta instalación está previsto na rúa Gándara, na parroquia de San Pedro, a menos de 50 metros do río Muíños e a 100 metros da vivenda máis próxima. Ademais no terreo onde está prevista esta instalación, existe un regato que entubaron, que desemboca no río Muíños, feito que xa foi denunciado por esta asociación en agosto do ano 2019, sen que tiveramos ningún tipo de resposta”, engaden.

Segundo a Asociación de Veciños o terreo onde está prevista esta industria está cualificado como solo non urbanizable de conservación e protección de áreas de cultivo de potencialidade produtiva, na cal, segundo as normas subsidiarias de Nigrán, está prohibido a edificación. “É por isto e polos problemas ambientais que xeran este tipo de industrias, que poden afectar á principal fonte riqueza de Nigrán que é un turismo baseado nun equilibrio natural, polo que desde esta asociación solicita ao goberno de Nigrán que non conceda a licenza desta instalación”, conclúen.