Baiona destina 40.000 € á pavimentación e mellora de accesibilidade da Granxa en Belesar

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Vías e Obras, impulsou dúas actuacións coas que levará a cabo a pavimentación da estrada da Granxa e do camiño Cachadas en Belesar. A actuación, que aparella un investimento próximo aos 40.000 euros comezará o vindeiro luns coa pavimentación desta zona da parroquia de Belesar.

“A intervención consistirá na adecuación, mellora e renovación tanto da estrada principal da Granxa como do camiño cumprindo cunha das principais peticións dos veciños e veciñas desta zona”, destaca o Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, e expón que “para o goberno local é un asunto prioritario a mellora e rehabilitación da importante rede viaria rural municipal para garantir a operatividade e o desprazamento dunha maneira fluída e segura”.

Pola súa banda, o Alcalde, Carlos Gómez Prado, sinalou que “a estrada se atopaba en moi malas condicións e cambiará radicalmente grazas a esta intervención coa que damos resposta a un dos compromisos que asumimos desde o equipo de Goberno cos veciños e veciñas do Barrio da Granxa”, reiterando que “o meu compromiso é continuar traballando polos veciños e veciñas do noso municipio vivan onde vivan”.

Así mesmo indicou que as obras “beneficiarán tamén a todas aquelas persoas que fan uso regular desta estrada moi utilizada tanto polos veciños, como as persoas traballadoras na fábrica Agua Sana e os camións que acoden ao lugar”. Os traballos nesta estrada comprenden desde o centro social da Granxa ata a citada fábrica.

Hoxe xa comezou a executarse a roza das cunetas e marxes e o reperfilado das cunetas. Tamén se realizarán drenaxes lonxitudinais de forma previa á eliminación de fochancas e fochas existentes. Tras iso comezará a extensión do novo pavimento. As obras culminarán coa nova sinalización horizontal e vertical, de forma que se asegure unha circulación cómoda e segura aos usuarios desta estrada.

Esta obra inclúese no paquete de obras de adecuación e mellora da seguridade viaria e accesibilidade dos viarios que está a desenvolver o Concello de Baiona. Trátase dun proxecto cofinanciado pola Deputación de Pontevedra nun 75 por cento con cargo ao Plan Concellos 2020 e polo Concello de Baiona nun 25 por cento.