O TSXG autoriza á Xunta esixir o certificado COVID-19 en todos os locais de lecer nocturno

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou á Xunta esixir a presentación do certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder a todos os locais de lecer nocturno da comunidade autónoma porque contarán, a partir de mañá, cun aforo do 100 %. Ata o de agora, só tiñan a obriga de requirir o certificado os locais que abrisen ata as catro da mañá e contasen con capacidade do 75 %, en interior, e do 100 %, en exterior. A ampliación de capacidade, segundo indica o alto tribunal, supón “un maior de risco”.

“A medida que se trae para a súa autorización, non é nova, senón de maior alcance, e tampouco é de aplicación xeral ou indiscriminada, senón que se dirixe a unha soa actividade: o lecer nocturno”, salientan os maxistrados. Para autorizar a medida restritiva de dereitos fundamentais, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo tivo en conta un informe técnico do pasado 19 de outubro, que advirte que a melloría da situación epidemiolóxica na comunidade non evita “a persistencia da circulación do virus e, por conseguinte, o risco da súa transmisión, especialmente nos establecementos de lecer nocturno, que se frecuentan por mozos, colectivo que, ademais, é o que presenta menor cobertura na vacinación».

Os xuíces tamén destacan que a actividade na que se aplica a medida se desenvolve en espazos “nos que resulta dificultoso renovar o aire de forma natural, coa consecuente facilidade de que se transmita o virus por vía aérea, segundo acredítase nos rigorosos estudos científicos aos que se refire o informe do 19 de outubro”. Por iso, consideran que é “evidente” a utilidade da medida de prevención, “que non ten como finalidade o mero control aos clientes, senón a de impedir que accedan aos establecementos as persoas que non acrediten o cumprimento dos requisitos que perseguen os certificados de vacinación, recuperación e de probas diagnósticas da COVID-19”. Os xuíces, por tanto, conclúen que é unha medida “idónea, necesaria e proporcionada”.