SÉS poñerá a nota musical ao “Novembro Lila” de Baiona

A cantautora SÉS poñerá a nota musical da programación “Novembro Lila” deseñada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller de Baiona. O Auditorio V Centenario acollerá o próximo 6 de novembro ás 19:30 horas un concerto da artista galega, no que presentará o seu novo traballo discográfico “Liberar as Arterias”, repleto de cancións propias.

O “Novembro Lila” é un programa deseñado para dar visibilidade á violencia machista coincidindo co 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres. A programación completa presentarase no Salón de Plenos do Concello de Baiona, o vindeiro venres, 29 de outubro, ás 12:00 horas, onde se desvelarán outras novidosas actividades que se idearon para a edición do 2021.

Esta programación vai un paso máis aló da estética dunha pancarta que berra “Non á violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público, xa que haberá actividades variadas para toda a cidadanía.

O concerto de SÉS será gratuíto sendo necesaria a retirada da entrada previa para poder garantir o cumprimento dos aforamentos. A partir do 30 de outubro poderanse reservar as localidades para o evento a través do calendario da páxina web municipal do Concello de Baiona: https://www.baiona.gal/calendario.

A apertura de portas será unha hora antes, ás 18:30 horas, e a Concellería de Igualdade advirte que será necesario acudir con, polo menos, 15 minutos de antelación. Na entrada do Auditorio será necesario ensinar o código QR que se xera ao inscribirse.

Con respecto ao cumprimento do protocolo Covid, será obrigatorio o uso de máscara, haberá un punto de desinfección de mans no acceso ao recinto e o público, que non poderá introducir comida ou bebida, deberá permanecer sentado no lugar asignado pola organización.