Javier Sierra abre o VII Ciclo de Conferencias dos Pobos Colombinos

Dentro dos actos conmemorativos do 526 aniversario da chegada da Carabela Pinta, o Concello de Baiona organiza o tradicional Ciclo de Conferencias dos Pobos Colombinos de España, que cumpre a súa VII Edición e faio con relatores de recoñecido prestixio dentro das artes e as letras do noso país e con temas de interese vinculados ao descubrimento de América e ao feito histórico da Arribada.

Abrirá o ciclo este xoves 28 de febreiro, o escritor e xornalista Javier Sierra, Premio Planeta 2017, co relatorio “¿Sabía Colón a dónde iba?”. A charla terá lugar no salón medieval do Parador Conde de Gondomar de Baiona, ás 19:30 horas.

Javier Sierra (Teruel, 1971). Escritor e xornalista coñecido tanto polos seus ensaios como polas súas novelas de acción e intriga histórica. É Premio Planeta 2017 pola súa obra “El fuego invisible”. O seu traballo máis internacional, “La cena secreta”, publicouse en máis de 40 países, e con el converteuse no primeiro autor español -e ata agora único- que entrou no top ten das competitivas listas de bestsellers dos Estados Unidos.

É tamén autor de catro ensaios sobre enigmas da historia e da ciencia, e doutras novelas de éxito como “La Dama Azul”, “Las puertas templarias”, “El ángel perdido”, “El maestro del Prado” e “La pirámide inmortal”.

En España Javier Sierra é recoñecido polas súas frecuentes intervencións en medios de comunicación. O seu último traballo audiovisual foi a serie “Otros Mundos” para Movistar+. Iniciouse na radio con só doce anos no seu Teruel natal. Enseguida evolucionaría como profesional da comunicación en Madrid tras realizar os seus estudos de Xornalismo na Universidade Complutense e fundar revistas mensuais como Año Cero (1990) ou dirixir outras como Más Allá (1998-2005).

Hoxe é Fillo Predilecto de Teruel, Cruz de San Jorge da súa Provincia (a máxima distinción que se concede neste territorio), e a Biblioteca Pública da súa cidade atesoura o legado de toda a súa obra.

Seguiralle un mes máis tarde, exactamente o 11 de abril, a avogada, novelista histórica e académica das artes, as letras e as ciencias Almudena Arteaga y del Alcázar, co relatorio “María Pita, la expedición filantrópica de la vacuna que salvó al mundo de la viruela (1803-1814)”.