Nigrán achegará 50.967 € para a bonificación no 2022 do transporte metropolitano aos seus veciños

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Autobús de Lugove ao seu paso por Nigrán.

O Concello de Nigrán consignará no vindeiro pleno do 25 de outubro 50.967 € para bonificar o transporte metropolitano na área de Vigo aos seus veciños durante o 2022, cantidade que volverá a asumir o municipio no 2023, tal e como figura no novo convenio de colaboración coa Xunta. Isto permitirá que máis de 800 menores de 21 anos empadroados na localidade viaxen gratis coa tarxeta “Xente Nova”, ademais de posibilitar outras bonificacións. Nigrán é o segundo municipio que máis cartos achega, só por detrás de Cangas con 99.436 € e seguido por Baiona con 36.000 € e Redondela con 27.576 €.

“A bonificación no transporte é a costa das arcas municipais porque é polo interese da nosa veciñanza, sen embargo, é unha mágoa que a Xunta sempre rexeite colaborar economicamente nos convenios que lle ofrecemos desde o Concello”, considera o alcalde, Juan González.

Así, a pesares de sumarse a este convenio, os propios servizos xurídicos do Concello reiteran á Xunta no seu informe que o transporte colectivo urbano non é unha competencia municipal (tal e como recolle a lei reguladora das bases do réxime local LBRL) e só ten carácter obrigatorio para os municipios de máis de 50.000 habitantes, non sendo o caso de Nigrán. Recorda, ademais, que o servizo de transporte interurbano é de titularidade da Xunta de Galicia, que foi quen adxudicou o contrato, e que polo tanto é quen tería a competencia para acordar bonificacións no marco da súa política de tarifas. Neste sentido, subliñan que os recursos públicos, neste caso dos concellos, non son os que se teñen que por sempre como opción preferente á hora de equilibrar déficits tarifarios sen contemplar sequera ás empresas concesionarias.