Alberto Meira pelexará pola vitoria en Lugo estreando vehículo e copiloto

Mes de cambios para o equipo AMF Motorsport, que tras un ano complicado onde a competitividade da súa montura quedouse atrás respecto á dos seus rivais e de ausentarse no pasado Rallye Ribeira Sacra, finalmente chegou o ansiado cambio de montura, dicindo adeus ao Citroën DS3 e recibindo ao Škoda Fabia R5 no seo do equipo. Un vehículo, que sen ser a última evolución da marca checa, consolidouse como o máis polivalente e competitivo polas súas múltiples vitorias na escena internacional, nacional e rexional.

E é que o coche non vai ser o único cambio para Alberto Meira esta fin de semana no Rallye San Froilán, senón que outros compromisos impediron estar a José Murado no asento dereito e o seu lugar será ocupado por Ezequiel Salgueiro, actual copiloto de Pablo Pazó. Por tanto, o piloto de Vincios terá unha dobre adaptación na cita lucense, mentres os seus rivais xa contan con diversa experiencia aos mandos das súas monturas, o que xogará na súa contra se quere loitar polo triunfo.

O Rallye San Froilán será un dos máis longos da tempada, con 10 especiais en total que supoñerán un desafío pero que tamén servirán para sacar conclusións sobre o Fabia, que debería mellorar en moito o rendemento do DS3 en zonas rateiras e cruces. Desde o equipo AMF Motorsport agradécese a todos os patrocinadores a súa axuda para poder subir un banzo na escala de competitividade.