“Le Llar Baiona”, un apartamento flotante para desfrutar da Ría de Vigo

Construído no estaleiro Mínimo Boats, no Porriño, o barco chárter “Le Llar Baiona” de Navis Siren S.L., que significa barco serea en latín, xa loce no porto de Baiona, onde permanece amarrado á espera dos últimos retoques para poder recibir aos seus primeiros inquilinos. O proxecto está financiado con fondos do GALP Ría de Vigo-A Guarda, ademais da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

Con oito metros de eslora e capacidade para aloxar a seis persoas, o barco de recreo dispón de dous camarotes con camas dobres de 200×140 cm, con armarios gardarroupa, cociña (con vertedoiro, neveira e conxelador, microondas, placa de indución, campá extractora), salón comedor con dous sofás camas dobres (con mesa abatible, banquetas, televisor, un equipo de son con conexión bluetooth e altofalantes) e un cuarto de baño, ademais de contar con lavadora e secadora. Trátase dun apartamento sobre o mar con capacidade para navegar en augas tranquilas todo o ano, para alugar con ou sen tripulación.

“O que o diferenza doutros barcos chárter é o seu deseño innovador, a disposición de superficies habitables e as comodidades que ofrece”, explica Raquel Vence, xerente de Navis Siren S.L. “O que máis chamará a atención é a terraza, con chan antiescorregadizo que imita á teca, asentos para seis persoas, unha ducha de auga fría, unha escaleira de caracol e unha varanda, ademais do posto de mando”.

“Eu son diplomada en Técnico de Empresas e Actividades Turísticas, aos socios sempre nos chamou a atención o mar e a zona de Baiona é perfecta para levar a cabo este tipo de actividade. Cremos que nos dará moitas satisfaccións laborais”, apunta Vence, que xunto ás outras persoas que dan vida a esta iniciativa é coñecedora das posibilidades que ofrece Baiona e a súa contorna para poñer en marcha esta nova modalidade de embarcación de recreo para descubrir ou redescubrir o patrimonio mariñeiro, histórico, cultural e social da ría de Vigo.

As persoas que aluguen o barco terán a opción de navegar con el pola zona, visitando algún enclave no que teñan interese ou fondear nalgunha enseada próxima. Para iso, deberán contratar un patrón ou patroa, xa que aínda que contaran con este titulación, non lles estaría permitido mover o barco. Ademais da posibilidade de gozar de paseos pola ría de Vigo, os hóspedes deste barco poderán completar a súa experiencia con actividades de pescaturismo, turismo mariñeiro –nas que coñecer o bulebule diario das lonxas ou o traballo das redeiras- e con degustacións de manxares do mar.

O papel do GALP

“A verdade é que sen a axuda e o apoio continuo do GALP tería sido moito máis difícil levar a cabo este proxecto. Quero agradecerlles o seu traballo, a súa confianza, e o seu ánimo ao longo deste proceso”, di Raquel Vence sobre o labor desenvolvido desde o GALP Ría de Vigo-A Guarda, xestor das axudas das que se beneficiou esta iniciativa.

Para máis información e reservas, os interesados poden contactar nos teléfonos 609 84 38 47 e 696 42 00 09, ou nas páxinas de Facebook e Instagram de Navis Siren.