Ángel Maneiro obtén o título sub23 no Campionato de Galicia XCM

FOTO: MIGUEL BORRÁS // Ángel Maneiro no máis alto do podio.

Coa tempada de estrada terminada, o Vigo-Rías Baixas segue acumulando éxitos no seu máxico 2021. A entidade presidida por José Luis Chamorro sumou un título autonómico o pasado sábado en Viveiro grazas a Ángel Maneiro. O polifacético corredor de Noia subiu ao máis alto do podio sub23 no Campionato de Galicia de Cros Country Marathon (XCM).

Na súa primeira campaña sobre o asfalto, e aproveitando a paréntese no calendario de ciclocrós, o noiés “tirouse ao monte” na Mariña Lucense. Maneiro completou os 65 quilómetros da Viveiro Bike Xtreme en 3 horas 35 minutos e 9 segundos. Terminou duodécimo na clasificación absoluta e adxudicouse con autoridade a medalla de ouro sub23, avantaxando en 23 minutos ao segundo clasificado Diego Marnotes (Trasdeza).

O Vigo-Rías Baixas tamén contou con representación na categoría Elite. Óscar Justo meteuse no top-10 cun un tempo de 4:03:02, ocupando a novena praza e a 29ª na táboa absoluta.