
Brillante comezo en Baiona do Endurance European&World Championship, con éxito de público que, situado en toda a contorna da enseada, presenciou unha das mangas máis numerosas da modalidade disputadas ata o de agora nos cinco continentes.
Finalmente foron 17 embarcacións as que se xogan os títulos mundial, europeo e nacional de resistencia, nun tipo de barco offshore preparado para afrontar a mar nos seus diversos estados. A deste sábado en Baiona estaba tranquila e como un lago para poñer a proba as velocidades punta dos Endurance, sendo a dos belgas Nico Bertles e Francis Notschaele a de maior rexistro, con algo máis de 60 nós (en torno aos 120 km/h) co seu potente motor de 450 cv. Non en balde, os vixentes campións do mundo da categoría S (Sport) dominaron a clasificación xeral desde o comezo da carreira.
Segundos son os italianos Cristian Cesati e Dario Buchi, cun minuto e 13 segundos de diferenza, ocupando o posto bronce os tamén italianos Rosario Longo e Enrico Marani.
Na intermedia do BP (Boat Production – 300 cv) os líderes son os tamén belgas Buby Bertels e Nico De Stoop, logrando ser a segunda embarcación máis rápida de todo o circuíto. Séguenlle os kuwaitís Ahmad Abul e Mustafá Al Dashti, a 16 segundos do posto máis alto do podio. Terceiros son os tamén representantes do equipo de Bélxica, Benjamin Van Riet e Robbe Van Riet, a 34 segundos.
En Promotion (150 cv) o podio ao completo é para os embaixadores españois, encabezados polos malagueños Javier e César García, que levaron os 400 puntos do posto de líderes. A segunda praza é para os vigueses José e Yeray Lorenzo, moi seguros hoxe no circuíto de Baiona. O posto do bronce provisional é para os gaditanos Sergio Gómez e Fernando López, nunha categoría moi competida na que o tamén vigués Keko Pereira, que forma parella co catalán José María Izquierdo, é quinto.
O domingo dispútase a segunda manga a partir das 12 do mediodía, que estará precedida dun exercicio de rescate no que intervirán Salvamento Marítimo, os Gardacostas de Galicia coa participación do helicóptero Pesca 1 e Protección Civil do Val Miñor, en torno ás 11 horas.
A entrega de premios está prevista ás dúas da tarde no Auditorio V Centenario de Baiona, coa participación de Galicia en Danza, sendo presentada en inglés polos alumnos e alumnas do Colexio Las Acacias-Montecastelo.