Nigrán recorda aos asasinados na “Volta dos Nove”

O Concello de Nigrán conmemorou un ano máis este venres o 85 aniversario dos tráxicos asasinatos coñecidos como “A Volta dos Nove”, no Xardín da Memoria de Panxón, espazo inaugurado no 2016 e que consta dunha escultura en pedra con 9 cruces referidas aos nove asasinados e tamén senllas placas que os recorda a eles, as súas mulleres, e a Dolores Samuelle, asasinada por axudar aos “Ineses”.

Ao acto acudiu o alcalde e concelleiros, veciños e familiares dos falecidos (entre eles e por vez primeira o neto e a neta de Dolores Samuelle), representantes do IEM e da Asociación de Veciños de Panxón e o escultor deste monumento aos 9, Daniel Pazó. Concello e IEM depositaron senllos ramos de flores ante a escultura e ante a placa co nome das mulleres dos falecidos e de Dolores Samuelle.

O Concello de Nigrán celebra cada ano desde 2015 o Mes da Memoria Histórica facéndoo coincidir precisamente coa coñecida como “Volta dos Nove”. O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas.

Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños do Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.