O PP pide ao tripartito máis compromiso coa Banda de Música de Baiona

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Banda de Música de Baiona.

O Partido Popular de Baiona reclama ao goberno local que se implique máis coa Banda de Música de Baiona, que este ano celebra o seu cuarto de século de vida, e téñaa en conta e impulse dentro do programa cultural da localidade. “A agrupación non foi convidada para acto tan importante como o do Día da Hispanidade, onde a súa participación ao longo das dúas décadas foi tan oportuna como crucial interpretando o himno de España”.

“Este goberno local presidido polo socialista Carlos Gómez relegou á Banda a un segundo plano. O Concello de Baiona non apoia nin promociona a súa Banda de Música desde hai dous anos e estas son as súas consecuencias do abandono. O tripartito está a demostrar que lle importa máis todo o de fóra de Baiona que velar polos atractivos do noso municipio e un deles sempre foi a Banda. Está a acabar coa tradición cultural de Baiona”, consideran os populares, que instan á Concellería de Cultura a “traballar” nas súas competencias.

A Banda de Música de Baiona naceu en 1996 da man do único profesor e director Gabriel Rodríguez, que a día de hoxe segue dirixíndoa, e tan só quince anos despois da súa fundación o seu medio centenar de intérpretes lograron convertela nunha das máis importantes da provincia. A súa presenza ata 2019 era frecuente nos actos institucionais e a programación cultural grazas ao compromiso que o anterior goberno local do PP tiña con ela e coa protección dos valores culturais locais. Chegou a ser toda unha institución en Baiona pola súa participación nos momentos máis destacados. A súa importancia chegou ata o punto de que en 2011 gravou o seu primeiro disco arroupada polo executivo popular.

“Xa en marzo de 2021 debíanse de celebrar as súas vodas de prata e para o goberno local do PSdeG, Bng e Nós pasou desapercibido. Non hai previsto ningún acto de recoñecemento que poña en valor o esforzo e o traballo de todas as persoas que desinteresadamente apostaron pola Banda e pola súa traxectoria a favor da cultura de Baiona. Outros concellos próximos impulsan ás súas bandas e o noso ignóraa ata en actos institucionais tan relevantes como o do Día da Hispanidade”, conclúen desde o grupo municipal popular.