
O Concello de Nigrán continúa esta fin de semana coa programación do “Mes do Teatro” con senllas actuacións sábado e domingo ás 20:00 e 19:00 horas respectivamente como parte do convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado baixo o título “FegaTeatro Nigrán 2021”. A entrada é de balde ata completar o aforo autorizado.
Así, o sábado 16 será a quenda do grupo de A Estrada Disfunción Continua coa obra “Departamento de selección”, dirixida a un público maior de 15 anos e cunha duración de 1h10 minutos. Trátase dunha peza na que un grupo de persoas acceden a unha entrevista de traballo para entrar nunha multinacional, pero a dureza das entrevistas converterá o proceso selectivo nun xogo cruel e perverso que sacará o peor de cada personaxe. A obra supón unha crítica á deshumanización do mundo capitalista que nos converte en inimigos e competidores dispostos a emprender unha loita salvaxe na que todo vale. Está dirixida por José García e interpretada por Clara Iglesias, Rosa López, María Porto, Bea del Río e Natalia Carbajal.
A programación continúa o domingo 17 ás 19:00 horas coa obra de teatro cego “Coa mirada nas túas mans” da compañía Lohengrín, de San Andrés de Comesaña (Vigo). Esta función obtivo o segundo premio da categoría Teatro nos Xuventude Crea 2020. Pertence ao xénero de teatro sensitivo xa que é unha obra pensada para público cego, con visión reducida e para as persoas que o queiran presenciar cos ollos tapados. Ten unha duración dunha hora e está pensada para público maior de 14 anos.
O sábado 23, a través do programa “Tornar ás Táboas” da Deputación de Pontevedra, acude ao Auditorio Municipal a compañía viguesa Fulano, Mengano e Citano coa obra “Top Manta”. Os cortes económicos como consecuencia da crise empuxan a dous actores a cambiar os grandes escenarios polo top manta na rúa. Como todas as producións da compañía viguesa, “Top Manta” é unha comedia crítica e sarcástica sobre a realidade, aínda que os seus responsables, escapan do “politiqueo barato”.
Finalmente, o “Mes do Teatro” péchase o domingo 31 coa comedia para todos os públicos “Lisístrata” do grupo ourensán Teatrino.