Nigrán conmemora o 85 aniversario de “A Volta dos Nove” cunha ofrenda floral no Xardín da Memoria de Panxón

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Xardín da Memoria en Panxón.

O Concello de Nigrán conmemorará un ano máis este venres 15 de outubro ás 12:00 horas o 85 aniversario dos tráxicos asasinatos coñecidos como “A Volta dos Nove”. Así, nun acto aberto á participación da veciñanza e coa presenza de familiares dos represaliados, o alcalde de Nigrán realizará unha ofrenda floral ante o seu monumento no “Xardín da Memoria” de Panxón, espazo inaugurado no 2016 e que consta dunha escultura en pedra con 9 cruces referidas aos nove asasinados e tamén senllas placas que os recorda a eles, as súas mulleres, e a Dolores Samuelle, asasinada por axudar aos “Ineses”.

O Concello de Nigrán celebra cada ano desde 2015 o Mes da Memoria Histórica facéndoo coincidir precisamente coa coñecida como “Volta dos Nove”. O suceso tivo lugar o 15 de outubro de 1936, cando se executaron a nove veciños do Val Miñor (cinco deles de Panxón) como vinganza e represión dos falanxistas polo suceso do día anterior en Sabarís, cando no asalto das forzas nacionais á casa dos irmáns republicanos “Os Ineses” morreron estes, a súa asistenta Dolores Samuelle e tamén un dos falanxistas. Horas despois os partidarios do golpe de estado colleron a nove veciños do Val Miñor detidos na prisión do Frontón, en Vigo, e como vinganza, os fusilaron na curva de A Bombardeira, en Baiona. Durante máis de 40 anos nove cruces apareceron pintadas nese punto como recordo dos falecidos e, aínda que as borraban e buscaron con esmero aos autores, estas sempre volveron a ser debuxadas. Hoxe o lugar é un espazo para a memoria e as cruces se manteñen, agora impresas, como recordo de todo aquilo que sucedeu.