Gondomar aproba a moción do BNG contra os recortes da Xunta no número de docentes do IES Auga da Laxe

No pleno municipal do pasado xoves foi aprobada a moción do BNG contra o recorte de profesorado que a Xunta impuxo no IES Auga da Laxe de Gondomar para este curso 2021-2022. Só votou en contra o grupo municipal do PP, “cuxa portavoz, Paula Bouzós, preferiu defender os recortes de Feijóo antes que a calidade do ensino do alumnado de Gondomar”, critican os nacionalistas.

O IES Auga da Laxe conta con cinco docentes menos que no 2020-2021, catro menos con respecto ao 2019-2020, “uns recortes que van máis alá de eliminar o reforzo de persoal contratado pola Covid, supoñen redución tamén respecto ao 2019-2020, curso no que se estaba nun contexto pre-pandemia e no que o cadro de docentes era xa escaso”, denuncia a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Desde o BNG inciden en que a política sistemática de recortes de aulas e cadros de persoal do PP “tradúcense en incremento no alumnado por aula, redución na oferta de materias optativas e aumento de materias que deben ser impartidas como afíns por profesorado non especialista, co conseguinte deterioro na calidade do ensino”.

Por outro lado, o BNG denuncia que o PP teima en levar adiante a súa política de recortes e deterioro de servizos públicos, neste caso, do ensino público “en que o goberno de Núñez Feijóo foi pioneiro no seu día aumentando as horas lectivas do profesorado para reducir a contratación”.

Coa aprobación da moción do BNG, o pleno de Gondomar acordou instar ao goberno da Xunta a frear os recortes no ensino, a comezar por deixar sen efecto a redución do corpo docente dos centros de ensino de Gondomar e do resto do País; e apoiar todas as accións e mobilizacións que se convoquen contra estes novos recortes en apoio das familias, do alumnado e do profesorado dos centros e en defensa do ensino público galego.